O satélite Humsat xa recolle datos sobre ruído e contaminación dos sensores instalados en Pontevedra

Pontevedra
04 de maio 2015

Nos próximos meses instalaranse catro novos dispositivos, destinados a medir a calidade do aire. Pontevedra ven de converterse nun aliado para este proxecto auspiciado pola ONU e a Axencia Espacial Europa.

Os investigadores do Agrupamento Aeroespacial da Universidade xunto co profesor Fernando Aguado Universidade de Vigo

Demostrar que unha constelación de picosatélites podería mudar para sempre as comunicacións en zonas do mundo nas que non existen infraestruturas terrestres é un dos obxectivos centrais do proxecto Humsat, que a Universidade de Vigo puxo en marcha en 2013 co lanzamento ao espazo do satélite Humsat-D. Na procura dese obxectivo, a cidade de Pontevedra ven de converterse nun aliado para este proxecto auspiciado pola ONU e a Axencia Espacial Europa.

O convenio asinado entre o Concello e a Universidade permitiu a instalación dunha serie de sensores que, a través deste satélite, recollen datos sobre a contaminación do aire e o ruído ambiental. Datos que constitúen “a primeira aplicación real” da tecnoloxía desenvolvida polos investigadores do Agrupamento Aeroespacial da Universidade, como explica o seu responsable, o profesor Fernando Aguado.

Tanto os tres primeiros sensores instalados en Pontevedra a finais de marzo, como os catro que se sumarán a este proxecto proximamente, constitúen unha “versión mellorada e máis compacta” dos transmisores que este grupo de investigadores leva tempo desenvolvendo. De aí que co convenio o Concello teña convertido a Pontevedra nun valioso campo de probas para o proxecto Humsat. Non en van, tralo seu lanzamento ao espazo, este picosatélite comezou a recoller os datos que remitían as “antigas versións destes transmisores”, tanto na propia Universidade como nos instalados en Brasil ou California.

“Pero emitíanse datos preprogramados, simplemente para comprobar que o satélite os recibía correctamente e os retransmitía á terra”, explica Augado. Mais agora, o que Pontevedra achega ao proxecto son datos reais, como destaca este investigador, que incide en que “xuntar esta tecnoloxía cos sensores nun ambiente real é un paso máis para o proxecto Humsat”.

DO RUÍDO E A CONTAMINACIÓN Á CALIDADE DO AIRE

Segundo explica Bibiano Fernández-Arruti, un dos investigadores do grupo que, xunto con Aaron Nercellas e Xavier Crespo, traballa neste proxecto co Concello de Pontevedra, é o propio Goberno local o que determina que tipo de sensores se procede a instalar e polo tanto que tipo de información se obtén con eles.

“Nós o que facemos é programar os sensores e engadirlles todo o hardware e o software que precisan para que poidan comunicarse co satélite e coa rede móbil e logo dámosllos ao Concello para que os instale”, apunta este investigador, que explica que “cando o satélite pasa por riba da Universidade (tres veces ao día), descarga a información recollida e esta almacénase nun servidor”. Deste xeito, non só contribúe a comprobar o correcto funcionamento do Humsat-D, senón tamén a facelo “xa con medidas que supoñen unha información valiosa para o usuario, ademais de para nós”.

Os primeiros sensores en entrar en funcionamento, o 23 de marzo, foron os tres que se instalaron na Praza de España, en Ponte Muíños e no nó de Bombeiros, que miden, por unha banda, o nivel de ruído ambiental, e, por outra, os índices de partículas en suspensión, co propósito de coñecer a contaminación que provoca, por exemplo, o tráfico.