O Sergas abrirá puntos de test de antíxenos en Marín, Sanxenxo e Caldas a partir do luns

Marín
05 de xaneiro 2022

Estarán ubicados na Sala Nauta de Sanxenxo, no edificio de A Tafona de Caldas e no vestíbulo da Casa do Concello de Marín. Continuarán sen cambios os puntos situados no Pazo da Cultura de Pontevedra e o auditorio municipal de Vilagarcía e quedará inactivo o establecido na estación de ferrocarril de Pontevedra

Punto de realización de test de antíxenos de saliva no Pazo da Cultura de Pontevedra Mónica Patxot

Os puntos de realización de test de antíxenos de balde habilitados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para aumentar a detección de casos de covid-19 terán a partir da vindeira semana un reforzo con outros tres lugares con este servizo en Caldas de Reis, Marín e Sanxenxo. 

Segundo a información facilitada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, estarán ubicados na Sala Nauta de Sanxenxo, no edificio de A Tafona de Caldas de Reis e no vestíbulo principal da Casa do Concello de Marín a partir do luns 10 de xaneiro.

Ademais, manterán a súa actividade cotiá sen cambios organizativos nen horarios, sempre con autocita, dous dos tres puntos actuais, os situados no Pazo da Cultura de Pontevedra e o auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa.

Paralelamente, a partir do luns 10 de xaneiro, deixará de prestar servizo o punto de test de antíxenos emprazado ata o de agora na estación de ferrocarril de Pontevedra.

O horario xeral de actividade para todos os puntos de test de antíxenos da área sanitaria será de luns a domingo, en quendas de mañá e de tarde, entre as 8.30 e as 13.40 horas e entre as 15.30 e as 20:40 horas.

Por outra banda, o punto de cribado emprazado no aparcamento externo do Hospital Provincial deixará de efectuar test poboacionais de antíxenos e asumirá dende mañá, xoves 6 de xaneiro de 2022, aquelas PCRs de contactos que se pidan dende a Central de Seguimento de Contactos ou polo médico de Atención Primaria.