O Sergas contabiliza o mesmo número de positivos na área sanitaria na última xornada

Pontevedra
22 de xullo 2020

A área sanitaria continúa libre de  Covid-19 nos seus hospitais, pois este mércores non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 902 pacientes, ningún nas últimas 24 horas 

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés Carlos Mouriño

O Servizo Galego de Saúde contabiliza este mércores o mesmo número de casos activos de coronavirus que o martes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, nove positivos que se atopan en illamento domiciliario, de modo que nas últimas 24 horas non se rexistrou ningún positivo máis

Segundo a información facilitada polo  Servizo  Galego de  Saúde, a área sanitaria continúa libre de  Covid-19 nos seus hospitais, pois este mércores non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital  do Salnés nin no  QuirónSalud Miguel Domínguez.

Desde o inicio do plan de continxencia da  Covid-19 curáronse 902 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas. 

A nivel autonómico, a Dirección  Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 172, seis menos que o martes. Deles, 37 son da área da Coruña, 98 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 11 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos,  oito están en unidades de hospitalización e 172 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.131 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 236.787 e ningún caso activo en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.