A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este domingo 19 de setembro con 148 casos activos de covid, 12 menos que o sábado, segundo reflicte a actualización oficial de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.
No balance destaca o dato que sinala que nas últimas 24 horas só se engadiu un novo contaxio ás estatísticas.
En canto aos hospitalizados, 7 persoas permanecen ingresadas na área, 6 delas en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e unha máis na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo. É un paciente menos que a xornada anterior, debido ao falecemento dun home de 82 anos no hospital público pontevedrés, a vítima 203 en Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia.
Ademais na última xornada producíronse 13 altas epidemiolóxicas colocando o total de persoas que superaron o coronavirus en 21.015 pacientes.
Por último o Sergas informa da realización de 277 probas PCR en 24 horas.