O servizo de Dermatoloxía do hospital de Pontevedra renova 'a súa pel'

Pontevedra
30 de marzo 2021

A área de consultas deste servizo, situado no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollavao, renovou a súa imaxe tentando humanizar os espazos dos que dispón

Servizo de Dermatoloxía do CHOP no centro de especialidades de Mollavao Servizo Galego de Saúde

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estreou recentemente unha nova imaxe no seu servizo de Dermatoloxía.

En concreto realizouse unha intervención na zona de consultas externas, situada na terceira planta do centro de especialidades da Casa  do Mar de Mollavao, reacondicionando os seus espazos cunha decoración que simboliza a pel.

Así se reflicte en portas e outras zonas comúns, completándose cunha renovación de imaxe do resto de espazos en busca de humanizar o espazo achegando unha maior apertura e luminosidade á vez que se clarifican as áreas de tránsito e espera.

A xefa de servizo de Dermatoloxía, a doutora Ángeles Flórez, asegura que "a humanización dos nosos espazos converteuse nunha peza clave que permite crear contornas amables e acolledoras, que repercuten positivamente na tarefa dos nosos profesionais, pero tamén nun maior benestar dos nosos pacientes, favorecendo a súa recuperación".

Segundo o Servizo Galego de  Saúde, no deseño destes espazos tiveron un papel protagonista os profesionais, pacientes e familiares.

A intervención seguiu os criterios de humanización que se tentan implementar na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para ofrecer aos usuarios e pacientes unha contorna de maior confort e calidez.