O servizo de recollida de voluminosos de Poio fai máis de 100 retiradas ao mes

Poio
10 de setembro 2022

Esta prestación é gratuíta. O Concello incide na necesidade de facer uso da mesma, evitando o abandono de restos de gran tamaño na vía ou en espazos públicos. O horario de atención ao público é de 9.00 a 13.00 horas, de luns a venres, no teléfono 986771185

Recollida de restos voluminosos
Recollida de restos voluminosos / Concello de Poio

O servizo de recollida de voluminosos continúa a ser unha prestación moi consolidada e demandada pola veciñanza. Así o demostran os datos correspondentes ao que levamos de ano, no que se superan as 100 recollidas de media mensual. Xa só durante o primeiro semestre de 2022 leváronse a cabo máis de 600 actuacións nesta liña. 

Segundo explica o concelleiro responsable da área de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, "hai xornadas nas que se rexistran máis de 30 chamadas, moitas das cales tamén se fan para solicitar información. As recollidas semanais son entre 25 e 30 aproximadamente", estima. 

Á marxe da actividade durante o verán, destacan as 127 peticións que se realizaron de retirada de voluminosos durante o mes de marzo. Colchóns, mobles, electrodomésticos de todo tipo, chatarra, bombillas ou roupa son algúns dos elementos máis habituais á hora de seren retirados.

A recollida de voluminosos é totalmente gratuíta e está operativa de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas. 

O teléfono de atención á cidadanía é o 986771185. O horario de atención ao público é de 9.00 a 13.00 horas, de luns a venres. Se ben o concelleiro de Obras e Servizos agradece a concienciación da veciñanza á hora de usar este servizo ou outros similares, como o Punto Limpo Móbil, recalca a necesidade de que "todos e todas poñamos da nosa parte para que estas cantidades sigan aumentando, xa que é algo que redunda de xeito positivo no coidado do medio ambiente". 

O edil socialista recorda que as sancións económicas polo abandono de restos en lugares públicos poden chegar, nos casos máis graves, a superar os 6.000 euros. Julio Casás sinala que este servizo tamén pode ser requirido para a retirada de grandes cantidades de restos de poda. "Estes deben ser retirados a través da recollida ou depositados no Punto Limpo Móbil", explica.