O consello de administración de Turismo de Sanxenxo acaba de sacar a concurso o servizo de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios para este verán. O custo estimado do servizo para 2021 é de 624.525 euros, cifra á que se lle deberá descontar o IVE de 108.388 euros ao licitarse a través da empresa municipal.
Sanxenxo quere seguir sendo unha referencia pola calidade do servizo das súas praias e manter as 17 bandeiras azuis ás que volve optar esta tempada coa seguridade de contar cos profesionais necesarios.
O goberno local decidiu delegar a xestión nunha empresa especializada, un modelo xa habitual en moitos puntos de España, e en Galicia aplícano cidades como A Coruña ou Vigo.
A empresa adxudicataria do servizo deberá achegar como reforzo do material que xa se empregaba ata o de agora un todoterreo 4x4 e unha motocicleta para os desprazamentos do servizo. O contrato ademais do persoal inclúe o material sanitario necesario, a vestimenta e o combustible para toda a frota de vehículos.
Entre as tarefas de vixilancia detalladas no prego inclúese a de velar polo cumprimento das medidas de prevención encamiñadas a diminuír a propagación da enfermidade da covid 19.
O servizo de socorrismo comezará desde o 15 de xuño ao 15 de setembro, en horario de 12 a 20 horas, nas praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. Desde o 1 de xullo ao 31 de agosto, en horario de 12 a 20 horas, nas praias Area de Agra, Panadeira, Baltar, Caneliñas, Paxariñas, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, A nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e Espiñeiro-A Lanzada.