O sistema de gravación de vistas da Audiencia volve dar problemas

Pontevedra
18 de abril 2017

Tras os problemas técnicos detectados o pasado mes de febreiro no sistema de gravación da sala de vistas, que afectaron a tres xuízos que non quedaron gravados, este martes volveron detectarse fallos que obrigaron a trasladar un xuízo a outra localización

Sistema 'e-Fidelius' na Audiencia de Pontevedra Mónica Patxot

Os sistemas informáticos volveron a dar problemas á Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. Tras os problemas técnicos detectados o pasado mes de febreiro no sistema de gravación da sala de vistas, que afectaron a tres xuízos que non quedaron gravados, este martes volveron detectarse fallos que obrigaron a trasladar un xuízo a outra localización

Para este martes había sinalados dous xuízos na Sección Segunda, un por un delito contra os dereitos dos traballadores cometido presuntamente nun club de alterne de Vilaboa e outro por un delito contra a saúde pública. O primeiro aprazouse finalmente pola falta de varias testemuñas, pero o tribunal chegou a constituírse e, unha vez dentro da sala, detectáronse fallos informáticos. No segundo xa nin sequera se tentou, pois xa se detectaron os problemas e a Sección Segunda decidiu que non se podía celebrar. 

O sistema de gravación non recollía audio nin vídeo, de modo que, de celebrarse, non quedaría garda o acta da sesión e, como ocorreu xa con tres xuízos de xaneiro e febreiro, ocasionouse un risco de ter que repetir o xuízo enteiro. Ante tal situación, cambiouse de sala e a vista pasou a celebrase na planta baixa da Audiencia Provincial.

O maxistrado presidente da Sección Segunda, Xosé Xoán Barreiro Prado, alertou dos problemas ao comezo dese xuízo por tráfico de drogas ao indicar que os sistemas informáticos  "para variar, volveron fallar" e tamén manifestou a súa confianza en que "o sistema de gravación funcione e non pase como noutras ocasións". 

Nas salas de vistas da Audiencia Provincial funciona desde hai dous anos o sistema de gravación 'e-Fidelius', que está chamado a sacar das salas aos secretarios xudiciais, que ata agora se encargaban de realizar o acta do que pasaba no xuízo. Dado que con ese novo sistema xa non teñen que levantar acta exhaustiva, tan só rexistran un esquema breve do que ocorre, pero non tan meticuloso como antes deste novo sistema. 

A Sección Segunda aínda está pendente de saber se un dos xuízos nos que houbo problemas o pasado mes de xaneiro ten que repetirse. Trátase dun caso de estafa continuada na instalación de casas prefabricadas de madeira contra J.M.M.R., xerente da mercantil de Viascón (Cotobade) RFO S.L., que se enfronta a unha pena de sete anos de prisión e unha multa de 372.240 euros.