José Eirín, en prisión polo homicidio de Jessica Méndez a semana pasada en Barro, mantén que tivo con ela un accidente sen ningún tipo de intencionalidade no que ela sufriu feridas polas que acabou falecendo. A probas recollidas ata o de agora pola Garda Civil desmontan esta versión dos feitos e apuntan a que chocou con ela á mantenta e matouna, pero el, tanto ante os axentes que o investigan como ante o xuíz, sostén que non.
Segundo puido saber PontevedraViva, o luns, cando pasou a disposición xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis, declarou e mantívose inamovible na versión do accidente.
Con todo, fronte a el, a Garda Civil entregou un atestado ao xuíz que investiga a causa que, segundo as fontes consultadas, ponlle moi difícil manter esa versión e demostrala. Ante as probas que constan xa no procedemento xudicial, a Fiscalía pediu que se decretase o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza.
O xuíz acordou finalmente esta decisión, respondendo os argumentos do fiscal. O caso lévao Alejandro Pazos, representante do ministerio público encargado do partido xudicial de Caldas e que se encarga tamén doutros casos graves e mediáticos como o triplo crime de Valga. No seu día, conseguiu a primeira condena a prisión permanente revisable dun xulgado español por outro caso deste partido xudicial, o parricidio no que David Oubel matou as súas fillas en Moraña.
No caso actual, o xuíz cualificou os feitos de homicidio ou asasinato (pendente de concretar durante a instrución xudicial) mentres que el contorna da vítima e os colectivos feministas dan un paso máis e considérano un "feminicidio" resultado dunha concepción machista na que o acusado estaba obsesionado coa vítima e, tras anos acosándoa, acabou coa súa vida.
O acusado e a vítima non tiñan nin tiveran nunca unha relación sentimental, pero a súa contorna sostén que el si quería tela e acosábaa de forma continua. De feito, o pai dela denunciara que el lle picou as rodas e relataba unha situación de acoso.