O soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro obriga a cortar un carril da rúa Portugal

Pontevedra
22 de abril 2018

Para facilitar estes traballos, a Policía Local elaborou un plan de tráfico específico para mellorar a mobilidade en toda esta zona do barrio nesta primeira fase do proxecto. A medida na rúa Portugal realizarase a partir deste luns 

Obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro / Mónica Patxot

Os traballos de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro obrigarán este luns a pechar un carril de circulación na rúa Portugal deste barrio pontevedrés.

Para facilitar estes traballos, a Policía Local elaborou un plan de tráfico específico para mellorar a mobilidade en toda esta zona do barrio nesta primeira fase do proxecto.

A actuación, que realiza a empresa Fenosa, é unha das obras máis importantes que se tiñan que acometer no barrio, e unha reivindicación de todos os veciños e do Concello.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez; técnicos de Fenosa; e representantes da Xunta realizaron hai escasos días unha visita ao barrio na que o representante municipal insistiu no ánimo colaborador do Concello en toda a fase de obras que se prolongará ata primeiros do vindeiro ano 2019.

En 2019 está previsto comezar a retirar as torretas de alta tensión do barrio. Mentres, farase toda a canalización.

As obras son resultado dun convenio de colaboración asinado en setembro de 2007 entre o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia (Consellería de Industria) e Unión Fenosa para o soterramento desta liña eléctrica cun orzamento de 1.764.298,31 euros.

O Concello de Pontevedra foi o responsáble de executar a obra civil valorada en 649.953,40 euros, e o resto correspondía á instalación eléctrica que tiña que ser financiada pola Xunta e Fenosa en contías do 40% e do 60%, respectivamente.

O Concello executou a súa parte do convenio no ano 2009 por 506.181,09 euros. Dende ese momento, o proxecto sufriu distintos avatares durante dez anos dos que Demetrio Gómez recorda que foron alleos á decisión municipal. Finalmente, o pasado ano, Fenosa presentou no Concello o plan para soterrar esta liña dende a subestación de Mourente ata o río, baixando a rede eléctrica de Monte Porreiro.