O Tanatorio das Correntes inicia a segunda fase da escavación arqueolóxica no soar de Arcebispo Malvar

Pontevedra
29 de xullo 2015

As funerarias redactan o proxecto do futuro tanatorio para que sexa compatible coa conservación dos restos da muralla medieval Pompas e Alianza inician a segunda fase da escavación arqueolóxica no soar de Arcebispo Malvar Constructora San José empregará tres meses na construción dun muro de micropilotes que garanta a estanquidade do terreo

Obras no soar do Tanatorio da rúa Arcebispo Malvar Cristina Saiz

Constructora San José iniciou este mércores os traballos da segunda fase da intervención arqueolóxica proxectada na parcela destinada a tanatorio entre as rúas Uruguai e Arcebispo Malvar, unha actuación consistente na construción dun muro de micropilotes destinado a garantir a estanquidade do soar, seguindo as disposicións da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, dependente da Consellería de Cultura da Xunta. A terceira fase permitirá completar a escavación de toda a área.

A empresa prevé empregar arredor de tres meses na instalación deste muro, dunha lonxitude estimada de 70,36 metros e unha profundidade aproximada de seis metros, e que abarcará os lindes Norte, Leste e Oeste da parcela.

A primeira fase da intervención arqueolóxica permitiu destapar un longo tramo de muralla medieval, de 34,57 metros de lonxitude. A actuación desenvolveuse na súa maior parte nos pasados meses de novembro e decembro, aínda que no último abril completouse para confirmar que os restos amosan vestixios dun posible baluarte defensivo no seu lado Leste e dunha especie de peirao que continuaría no soar lindeiro no extremo Oeste e que pode estar relacionado cun torreón.

As empresas promotoras do bautizado como Tanatorio das Correntes, Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, estudan poñer en valor esa área acondicionándoa para o seu mantemento completamente ao aire, e confían en que a construción do edificio sexa compatible con esta idea.

Con este obxectivo redactan o corresponde proxecto de execución. Non obstante, ante calquera dúbida técnica ou funcional soterrarán os restos para garantir a súa total conservación.

Precisamente a opción de construír un muro de micropilotes e non un muro pantalla de formigón para pechar completamente o terreo e poder completar a escavación, escolleuse por ser a fórmula menos agresiva e que ofrece máis garantías para asegurar a perfecta conservación da muralla, a pesar de resultar economicamente moito máis cara. Caso de considerarse necesario habilitarase tamén o muro no linde Sur da parcela, onde se atopou a muralla, engadíndose outros 31,83 metros de parede.

A terceira fase da intervención arqueolóxica consistirá no control da retirada de terras durante a escavación do soar coa correspondente documentación e contextualización das posibles estruturas que aparezan. Parte de esta terceira fase, loxicamente, executarase ao mesmo tempo que a construción do muro de micropilotes, pois esta actuación xa implicará traballos de extracción de terra.