O traslado da carroza procesional abre o programa relixioso das Festas da Peregrina

Pontevedra
12 de agosto 2023

A carroza procesional presenciou o pregón na praza de España e, desde alí, partiu en dirección ao santuario da Peregrina. Centos de persoas agardaban xa ao longo de toda a rúa Michelena e na propia praza da Peregrina tan esperado momento, que cada ano resulta moi emotivo grazas, entre outras cuestións, aos pequenos confrades que compoñen a comitiva

Traslado da carroza procesional para a ofrenda floral á Virxe Peregrina
Traslado da carroza procesional para a ofrenda floral á Virxe Peregrina / PontevedraViva

Unha vez que o pregón de Pilar Señoráns abriu ao mediodía deste sábado a programación oficial das Festas da Peregrina, o traslado da carroza profesional deu por inaugurada a programación relixiosa das festas grandes da cidade.

A carroza procesional presenciou o pregón na praza de España e, desde alí, ás 13.15 horas, partiu en dirección ao santuario da Virxe Peregrina. Centos de persoas agardaban xa ao longo de toda a rúa Michelena e na propia praza da Peregrina tan esperado momento, que cada ano resulta moi emotivo grazas, entre outras cuestións, aos nenos e nenas que compoñen a comitiva. 

Acompañada por fieis e agrupacións folclóricas, a carroza realizou o percorrido entre flores e a admiración dos pontevedreses e visitantes con rumbo á praza na que tivo lugar a tradicional ofrenda. 

Os traxes galegos e tamén os traxes de gala foron os protagonistas deste cerimonioso traslado da carroza, no que non faltaron charangas, cabezudos e os pequenos confrades que cada ano esperan con devoción este día para realizar este percorrido tanto a pé como sobre a carroza. 

Ás portas do centro realizouse a ofrenda floral tradicional e, a continuación, a cerimonia litúrxica e a homenaxe final en forma de pombas. 

Antes e despois dos actos relixiosos, o protagonismo foi para as agrupacións musicais que animaron as rúas do centro histórico. As agrupacións folclóricas Os Alegres de Mourente, Os de Algures, Duos Pontevedra e Celme percorreron as rúas despois do pregón e, ao final da misa, actuaron nas distintas prazas.