O TSXG confirma a condena de 24 anos de cárcere imposta a un pai que violou á súa filla desde que tiña 5 anos

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 24 anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por violar de forma continuada á súa filla desde que tiña 5 anos ata que o denunciou, con case 17 anos, e por agredir sexualmente á súa muller e exercer violencia psíquica habitual sobre ela desde que casaron, en 1990, ata 2019

Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra na rúa Rosalia de Castro
Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra na rúa Rosalia de Castro / Diego Torrado

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 24 anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por violar de forma continuada á súa filla desde que tiña 5 anos ata que o denunciou, con case 17 anos, e por agredir sexualmente á súa muller e exercer violencia psíquica habitual sobre ela desde que casaron, en 1990, ata 2019. 

A Sala do Civil e Penal rexeita o recurso presentado polo condenado, así como que proceda a modificación da pena imposta en aplicación da nova lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como "Lei de só si é si".

Así, explica que non procede a rebaixa da pena de seis a catro anos de prisión polo delito de agresión sexual, pois o acusado e a vítima contraeran matrimonio. 

"Entón, non estamos só ante un delito de agresión sexual do artigo 179 do Código penal na súa nova redacción, senón ante o subtipo agravado do artigo 180.4 4.ª (cando a vítima sexa ou fose esposa ou muller que estea ou estivese ligada por análoga relación de afectividade, aínda sen convivencia), cuxa pena xira entre sete e quince anos", sendo obrigado para os maxistrados tomar en consideración en conxunto a nova norma en canto favoreza ao reo, e non soamente aspectos particulares da mesma que o fagan de forma illada.

Destacan os maxistrados que, "no bloque de legalidade agora vixente, a pena mínima, de acordo con os feitos probados, sería de sete anos", a que resulta favorable ao reo é a de seis anos, imposta na sentenza que agora se confirma.

Por tanto, conclúen que a condena "que resulta favorable ao reo" é a imposta na sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, a cal foi confirmada polo TSXG.