O TSXG tomba a prórroga da autorización ambiental de Elnosa e confirma a de ENCE

Pontevedra
25 de febreiro 2015

Dúas sentenzas resolven os recursos contencioso-administrativos interpostos polo Concello de Pontevedra ás AAI prorrogadas pola Xunta en 2011. Unha anula a renovación da autorización de Elnosa por considerar que é "contraria a dereito". Outra desestima o recurso relativo a Ence "por non concorrer vicios de entidade abondo para declarar a nulidade ou anulabilidade da resolución impugnada"

Elnosa en Lourizán PontevedraViva

A actualidade do complexo industrial Ence-Elnosa en Lourizán volve pasar polos tribunais. Este mércores saíron á luz dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que outorgan unha sorte dispar a ambas as dúas empresas ao fío da renovación da autorización ambiental integrada (AAI) concedida pola Xunta de Galicia. O tribunal anula a prórroga de Elnosa, pero referenda a de Ence.

As dúas sentenzas resolven recursos contencioso-administrativos interpostos polo Concello de Pontevedra ás AAI prorrogadas pola Xunta no ano 2011. No caso de Elnosa, o TSXG estima o recurso e anula a renovación da autorización por considerar que é "contraria a dereito". No caso de Ence, a demanda foi desestimada "por non concorrer vicios de entidade abondo para declarar a nulidade ou anulabilidade da resolución impugnada".

O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, deu a coñecer ambas as dúas sentenzas este mércores nunha comparecencia pública na que xa anunciou que o Concello recorrerá a sentenza relativa a ENCE ante o Tribunal Supremo. Móstrase convencido de que a resolución final, tras este recurso, "vai ter o mesmo destino que a de Elnosa, que vai ser anulada a AAI".

A pesar de que o TSXG lle quita a razón ao Concello e lla dá á Consellería de Medio Ambiente e a Ence, Mosquera considera que os argumentos xurídicos utilizados son susceptibles de ser recorridos porque, entre outros argumentos, se basea en que o Plan e Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS) da pastera segue en vigor cando foi declarado nulo por unha sentenza do Tribunal Supremo.

Ence valora que recurso que presentou o Concello á AAI forma parte dunha "estratexia para a obtención de votos" por parte do BNG

Ence ve unha boa noticia nesta resolución e valora que esta sentenza demostra que a empresa "estivo do lado da verdade" nas súas alegacións ao procedemento e considera "insuficiente" o informe sobre compatibilidade urbanística emitido polo Concello para vetar ou impedir a AAI. Na súa opinión, o recurso que presentou o Concello de Pontevedra á AAI forma parte dunha "estratexia para a obtención de votos" por parte da formación política que lidera o Goberno Local, isto é, o BNG.

Ence insiste en que a sentenza confirma que os argumentos usados neste caso "eran inválidos". Como exemplo deses argumentos inacertados recorda a referencia que fan ao Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal: a día de hoxe, co PSIS vixente," decaerían ademais os argumentos do Concello. Outro punto no que ve que o Concello non acerta cos seus argumentos é todo o relativo ás Directrices de Ordenación do Territorio e ao Plan de Ordenación do Litoral, pois non se alcanza a enxergar en que sentido as súas disposicións supoñen un argumento a favor das teses demandantes".

Dende a empresa interpretan que o texto xurídico sinala que o Concello tamén se equivoca ao introducir neste recurso ao expediente de caducidade da concesión para a permanencia da pastera en Lourizán máis alá de 2018, pois recolle que "é alleo a este proceso". Malia as súas discrepancias co Concello, Ence quere insistir en que quere poñerse a disposición das administracións públicas, comezando polas autoridades municipais de Marín e Pontevedra, para colaborar no impulso á xeración de riqueza e emprego na bisbarra e recorda que está aberto ao diálogo.

Arquivado en