O último proxecto para completar o núcleo da Peralba, en marcha desde este martes

Pontevedra
11 de xullo 2022

O núcleo da Peralba, en Marcón, completará moi pronto a súa renovación integral. Será coa última fase das obras previstas, que comezarán este mesmo martes. Nesta actuación está previsto un investimento de máis de 564.000 euros

Obras na Peralba, Marcón
Obras na Peralba, Marcón / Concello de Pontevedra

O núcleo da Peralba, en Marcón, completará moi pronto a súa renovación integral. Será coa última fase das obras previstas, que comezarán este mesmo martes. Nesta actuación está previsto un investimento de máis de 564.000 euros.

Vaise a traballar dende o cruzamento da estrada PO-532 ata o núcleo da Peralba, incluíndo a ponte sobre o río Reigosa.

Son arredor de dous quilómetros nos que se pavimentará toda a vía fresando e saneando os tramos nos que se ten detectado "pel de crocodilo", unha serie de fisuras interconectadas na superficie do pavimento,

Ademais, incorpórase a rede de recollida de pluviais, calmado de tráfico en toda a vía e bandas de protección de dobre onda. 

O traballo de maior envergadura é a rehabilitación da ponte sobre o río Reigosa, unha demanda da veciñanza dende hai anos. Implica tanto traballos hidrolóxicos como un plan de tráfico para atender ao núcleo de poboación, que xeralmente se conecta a través desta ponte.

As obras fanse no verán aproveitando que non existe o servizo de autobús escolar e porque o río leva menos auga. 

Consiste en levantar toda a ponte. Para iso, primeiro, dividirase o río en dúas canles. Desviarase a totalidade da auga cara unha delas para poder traballar na outra, e cando remate ese lado, desviarase cara o outro para rematar a ponte. 

O proxecto prevé un mes de traballos pero este prazo dependerá do tempo meteorolóxico e do estado da ponte unha vez que se poidan ver os seus alicerces sen auga. 

Tamén supón o peche total da estrada PO-532 nese punto. Os veciños deberán acceder ao núcleo de Peralba a través da estrada cara os núcleos de Vilarchán, en Ponte Caldelas, ou do Salgueiral, en Bora. 

Nos últimos tres anos, o Concello ten realizado o saneamento no lugar da Peralba, o pavimentado do núcleo coa construción de rede de pluviais, e a instalación de alumeado LED para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade na zona.

O investimento global de todas estas actuacións suma case 890.000 euros.