O viveiro de Barro, a un 10% de quedar totalmente ocupado

Pontevedra
05 de xaneiro 2018

A presidenta da Deputación de Pontevedra asinou os convenios para a cesión de seis naves e de tres oficinas para seis novos proxectos, entre os que destaca un de fabricación de obleas con motivos relacionados co Camiño de Santiago

A presidenta Carmela Silva con representantes de empresas que se instalarán no viveiro do polígono de Barro Deputación Provincial

Seis empresas asinaron este venres os contratos de cesión de espazos no viveiro do polígono empresarial de Barro coa presidenta da Deputación Provincial.

Estas entidades dedícanse á fabricación de pezas de precisión, a compravenda de vehículos, á distribución e aplicación de produtos para a construción, á comercalización de tecnoloxía sanitaria, á venda de accesorios para maquinaria pesada e a un curioso proxecto de fabricación de obleas de sabores con motivos relacionados co Camiño de Santiago.

Coa incorporación destas empresas, o viveiro xa ten ocupadas as 16 naves que se ofertan e 19 das 24 oficinas, polo que xa se atopa utilizado o 90% dos espazos. A presidenta provincial, Carmela Silva, indicou que existe unha lista de agarda para ocupar algunhas oficinas que xa se atopan completas e asegurou que o viveiro funciona moi ben con proxectos innovadores. 

Unha das empresas que ocupará unha destas naves, Paumar Technology Consulting, dedícase á fabricación e deseño de tecnoloxía realizando investigacións sobre un procedemento que pode chegar a impedir o falecemento en casos de enfermidades ligadas ao Alzheimer. O proxecto será presentado en abril, anunciou a presidenta da institución provincial.

Ademais destas novas adxudicacións, o polígono de Barro vendeu un total de 127.081 metros cadrados dun total de 261.000, que se traduce nun 49% de ocupación.