O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra tratará a situación sanitaria de Bueu coa veciñanza

Bueu
24 de xaneiro 2020

O encontro da Mesa da Sanidade está previsto para este luns 27 ás 19.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu.  O xerente José Ramón Gómez Fernández atenderá as demandas dos representantes das asociacións veciñais e dos portavoces políticos

José Ramón Gómez, xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés Mónica Patxot

Este luns 27 de xaneiro, o Concello de Bueu celebrará un encontro da Mesa da Sanidade con representantes de todos os grupos municipais, integrantes do Centro de  Saúde e membros das asociacións veciñais. Ao acto asistirá o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, José Ramón Gómez Fernández, ao que se lle expoñerán as demandas sanitarias por parte da cidadanía.

O encontro será a partir das 19.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. Ao xerente, segundo anuncian desde o Concello de Bueu, van solicitarlle que se cubra a vacante do segundo pediatra. Denuncian que desde outubro de 2019, os pacientes infantís só contan cun profesional médico na vila e iso provoca longas listas de espera.

Ademais, o goberno local apoia todas as demandas dos profesionais do PAC de Bueu e coa intención de defender unha mellor atención primaria instalarase unha pancarta no balcón do edificio consistorial. Ademais vai porse ao dispor da cidadanía un autobús gratuíto para asistir á manifestación prevista para o 9 de febreiro en Santiago de Compostela.

As persoas interesadas poden reservar praza nos teléfonos 986390029 / 673256450 (conta con whatsapp) ou no correo electrónico: comunicacion@concellodebueu.gal