A obra nova está a gañar peso en Pontevedra e a súa área de influencia fronte á rehabilitación, segundo os datos do primeiro trimestre de 2026 do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo).
Entre xaneiro e marzo rexistráronse 77 expedientes de obra nova, un 16,6% máis que no mesmo período de 2025, mentres que os de rehabilitación e reforma baixaron até 115, fronte aos 167 do ano pasado, o que supón un descenso do 31,14%.
En conxunto, Pontevedra e a súa contorna sufriron unha caída do 17,6% de expedientes de direccion ao contabilizar 192 expedientes no tres primeiros meses do ano, fronte aos 233 do primeiro trimestre de 2025. Estes expedientes son, segundo o Coatpo, o termómetro da actividade da construción.
No caso da obra nova, pasou de representar o 28% do total de expedientes a un 40% na actualidade mentres que a rehabilitación e a reforma baixaron do 72% ao 60%.
O presidente do Coatpo, Manuel Rañó, sostén que é pronto para facer un balance pecho do exercicio, pero subliña que a construción en Pontevedra vive "un bo momento". Ao seu xuízo, os proxectos desenvólvense en prazos de entre 12 e 18 meses, polo que considera "máis interesante ver a tendencia de cada trimestre a medio prazo, xa que existen multitude de circunstancias que poden afectar o desenvolvemento dun proxecto".
Tamén cae o Orzamento de Execución Material (PEM), tanto no total como na media por obra. En Pontevedra e a súa área de influencia, o PEM acumulado do trimestre foi de 48 millóns de euros, fronte aos 69 millóns do mesmo período de 2025, o que supón unha baixada do 43%.
O PEM medio de cada obra foi de 249.000 euros, un 16,44% menos que hai un ano, cando alcanzou os 298.000 euros.
Por último, na provincia de Pontevedra tramitáronse durante o primeiro trimestre de 2026 un total de 117 vivendas unifamiliares e nove edificios, que suman 175 vivendas (pisos). No mesmo período de 2025 rexistráronse 104 vivendas unifamiliares e 16 edificios con 408 pisos.
Isto supón un aumento do 12,5% nas unifamiliares, pero unha caída do 43,75% nos edificios. A tramitación de vivendas en bloque tamén retrocedeu, situándose nun 57,11%, segundo os datos do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra.
Rañó advirte de que o conflito en Irán e o peche do estreito de Ormuz poden agravar os custos de produción, transporte e subministración e apunta a novas subidas por encima do 10% en materiais como ladrillo, cerámica, aceiro, aluminio, formigón, plásticos e derivados do petróleo.
O presidente do colexio tamén alerta da falta de man de obra especializadea e da presión loxística sobre o sector. Por iso, reclama colaboración público-privada, coordinación administrativa e políticas de vivenda e mobilidade que axuden a soster o crecemento da construción e a aliviar o problema de acceso á vivenda.