A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este xoves xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, as obras do novo auditorio de Marín que, como subliñou, vai converterse "nun revulsivo" para o concello.
A Xunta colabora na construción do novo auditorio de Marín, que encara a súa recta final, cun investimento de 1.960.472 euros.
Allegue subliñou que este proxecto "vai converterse nun referente para este concello e para a provincia", tanto polo seu deseño arquitectónico de vangarda como polo salto que suporá para dinamizar a vida social e cultural deste municipio.
Remarcou que esta actuación é unha mostra da "necesaria cooperación entre administracións", que valorou coma "fundamental" para poder dotar aos concellos dos equipamentos que precisan para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.
Ademais da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, tamén colabora co Concello nesta actuación a Axencia de Turismo de Galicia.
O novo edificio será unha infraestrutura clave para enriquecer a vida cultural, artística e social do municipio, proporcionando un espazo con capacidade para programar espectáculos que na actualidade non poden ser realidade por carecer dunhas instalacións axeitadas.
Así, o inmoble contará cun amplo salón de actos con 550 prazas distribuídas en dous niveis e disporá dun sistema divisorio, que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades de cada evento.