A Xunta de Galicia finalizará o vindeiro mes de agosto as obras que está a realizar na basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.
Estes traballos teñen como obxectivo de arranxar as pataloxías rexistradas polo paso do tempo na cuberta da ábsida e nas fachadas.
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, fixo este anuncio este xoves durante a visita que realizou á basílica xunto co delegado territoral da Xunta, Agustín Reguera, onde confirmou que a intervención, cun investimento do goberno galego de máis de 550.000 euros, sobrepasa xa o 90% da execución.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, resaltou o "total compromiso que temos coa restauración e conservación dos bens patrimoniais que atesoura esta cidade, igual que facemos por toda Galicia preservando a nosa riqueza cultural".
Así, lembrou que en Pontevedra "tamén temos outras intervencións activas na liña de manter nas mellores condicións monumentos como o Santuario da Virxe da Peregrina".
Deste xeito, explicou, os traballos enfocáronse na renovación da cuberta da ábsida e da vertente anexa á nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica, resolvendo tamén os sistemas de evacuación e mellorando a seguridade do paso das escaleiras de acceso ás cubertas.
Ademais, con respecto ás fachadas, contemplouse un picado superficial de xuntas de morteiro de cemento e posterior encintado mediante morteiro de cal e unha limpeza dos muros de pedra con tratamento herbicida e funxicida.
Así mesmo, a fachada occidental de Cornelius de Holanda dotouse dun sistema de protección que minimice a presenza de aves que poidan afectar a súa conservación, coa posibilidade de eliminar os morteiros de cemento existentes tras as imaxes.
Trátase dun proxecto co que a Consellería responde ás necesidades que presentaba a basílica e que completa as actuacións que xa se levaron a cabo actuacións no bienio 2020-2021 por valor de máis de 330.000 euros, levando o investimento por parte da Xunta a máis de 880.000 euros. Entón se interveu na substitución da cuberta da nave central e lateral e na estabilización das vidreiras.
Na actualidade o templo seguía a presentar danos que tiñan que ver con zonas nas que non se actuara e que presentaban as mesmas deficiencias resoltas nas devanditas naves.
Así, as principais alteracións detectadas ao longo de toda a superficie das fachadas sur, oeste e ábsida consistían en descamacións, despracamentos e arenización, fisuras, gretas, costras negras, oxidacións, presenza de sales e morteiros de cemento, roturas e colonización biolóxica.