As obras para humanizar Val-Sobral e crear tres prazas públicas xa están en marcha

Soutomaior
16 de setembro 2025

Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, na zona de Val Sobral que se vai a humanizar

Os traballos en Val-Sobral que permitirán acondicionar os 800 metros de estrada que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido, xa están en marcha.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado polo edil responsable de obras, Pablo Garrido, visitou todo este ámbito xunto cos responsables da empresa Contrucciones Pérez, gañadora da licitación desta obra.

O proxecto, redactado por Infourban, ademais do arranxo e asfaltado do vial, tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.

Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas.

Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.

Para levar a cabo esta actuación, Soutomaior investirá preto de 160.000 euros, que serán financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia.

Estas obras, segundo destacou Lourenzo, cubren dúas necesidades. Por unha banda, a mellora na mobilidade do barrio e, por outra, crear espazos públicos que poñan en valor tanto a arquitectura da zona como os elementos patrimoniais.

"Estamos ante un proxecto moi importante para Val-Sobral e para Soutomaior, un proxecto que vai a supoñer unha importante mellora para o barrio coa recuperación de espazos rurais", explicou Lourenzo, xa que as prazas terán un tratamento acorde á arquitectura tradicional que as rodea.

O alcalde lembrou que un dos "obxectivos estratéxicos" do goberno municipal é levar a cabo a transformación rural e urbana do concello para mellorar a vida da veciñanza.

Con esta obra, engadiu o rexedor, "imos a converter espazos moi deteriorados en prazas coidadas onde a xente poderá vivir, relacionarse e gozar dos marabillosos espazos cos que contamos en Soutomaior".