A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este luns as obras que está a acometer a Xunta para a mellora da rede de saneamento da contorna do río Lameira, ao seu paso por Marín.
Ángeles Vázquez destacou que nesta actuación se investirán máis de 3 millóns de euros e que beneficiará a unha poboación potencial de case 10.000 persoas unha vez estea rematada a finais deste mesmo ano.
A conselleira visitou a renovación do colector xeral do Lameira, que é unha das pezas clave para o funcionamento de toda a rede municipal, xa que capta os caudais dunha parte significativa do núcleo urbano e desemboca finalmente no bombeo do río.
Esta é unha das dúas actuacións principais incluídas no proxecto que está a executar Augas de Galicia, co fin de mellorar o colector actual, de 1.600 metros desde a súa orixe na PO-313 ata a Ponte Zapal, e retiralo do leito do río.
Así mesmo, as obras en execución tamén prevén a construción dun novo depósito de retención que actuará como elemento regulador dos caudais de pluviais que chegan ata á estación depuradora de augas residuais (EDAR) municipal.
O obxectivo tanto da renovación do actual colector como do resto de intervencións puntuais programadas noutros puntos da rede de saneamento é rebaixar as escorrentías que chegan ata o río Lameira, especialmente en épocas de choiva.
Neste sentido e tras agradecer a colaboración municipal, Ángeles Vázquez salientou que con estas obras se optimizará o sistema de saneamento de Marín, que se caracteriza por ter unha rede moi extensa na que se engloba tanto a área urbana como gran parte das zonas rurais do municipio e que concentra os seus problemas na zona portuaria.
As obras beneficiarán especialmente ás poboacións das parroquias de San Xulián de Marín e Santa María do Porto, cun total de 9.107 veciños atendidos e co obxectivo de chegar a futuro a preto de 10.000.
En todo caso, a conselleira quixo poñer en valor que no deseño das actuacións que se están a acometer no río Lameira se tivo en conta tamén o criterio de "humanización" da zona.
A intención é que o conxunto da veciñanza de Marín poida gozar deste espazo fluvial e pasear pola súa contorna unha vez rematados os traballos.