Obstaculiza unha proba de alcoholemia quedándose coa boquilla e insulta, golpea e grava aos policías

Pontevedra
01 de novembro 2025

Acaba detido por agresión e resistencia á autoridade. ía de copiloto nun coche que circulaba a gran velocidade e cos intermitentes de emerxencia activados e cuxa condutora desprendía alento a alcol

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo a pasada fin de semana un home que intentou obstaculizar unha proba de alcoholemia e logo acabou insultando e golpeando os axentes, ademais de gravalos co teléfono.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, sucedeu na madrugada do pasado domingo, 26 de outubro.

Os axentes estaban nas inmediacións da Xefatura da Policía Local cando observaron un vehículo circulando a gran velocidade e cos intermitentes de emerxencia activados.

Tras darlle o alto, a patrulla entrevistouse coa condutora, que desprendía un forte alento a alcol.

Os axentes quixeron realizarlle a proba de alcoholemia e, nese momento, o copiloto arrebatoulles a boquilla precintada, argumentando que estaba contaminada.

Os axentes pedíronlle en diversas ocasións que devolvese a boquilla, pero fixo caso omiso e comezou a insultalos.

Acto seguido, apeouse do vehículo para enfrontarse contra un dos policías, chegando a golpealo no peito.

Debido á actitude moi agresiva e desafiante deste home, os axentes solicitaron o apoio de dúas patrullas adicionais, pero continuou enfrontándose aos policías.  Ademais, gravou os axentes co seu teléfono móbil.

Segundo a información policial, dado que non atendía as indicacións para manter a distancia de seguridade, finalmente, procederon á súa detención polos presuntos delitos de agresión e resistencia á autoridade.

Cando xa tiña os grillóns colocados, segundo a información policial facilitada, chegou a autolesionarse dándose golpes no rostro contra a beirarrúa.

Finalmente, os axentes tiveron que suxeitalo para impedir que continuase coas autolesións e solicitaron a presenza dos servizos sanitarios.

Foi atendido nun centro sanitario e logo foi posto a disposición do xulgado de garda.