Obxectivo do PP de Pontevedra: "Contribuir á maioría absoluta de Rueda"

Pontevedra
05 de xaneiro 2024

O presidente do PP Provincial e da Deputación, Luis López, anunciou a intensificación do traballo da dirección provincial e das 61 agrupacións locais de Pontevedra

Reunión do PP Provincial PP de Pontevedra

O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, realizou este venres un balance da formación no ano recén finalizado e valorou especialmente as dúas "rotundas" vitorias electorais obtidas nos comicios municipais e nacionais e o "novo proxecto transformador do organismo provincial" como principais fitos de 2023.

Luis López tamén se fixou como obxectivo, para o presente exercicio, "unha importante contribución" da provincia para que o líder do PP de Galicia Alfonso Rueda acade a súa "primeira maioría absoluta" na cita autonómica do vindeiro 18 de febreiro.

O presidente provincial do PP anunciou a intensificación do traballo da dirección provincial e das 61 agrupacións locais de Pontevedra.

"Aportando o noso gran de area que permita un novo goberno baseado no sentidiño e liderado por Alfonso Rueda fronte ao barullo e as leas habituais do multipartidismo", afirmou Luis López.

Arquivado en