Os centos de visitantes que cada semana chegan a Soutomaior xa teñen á súa disposición a oficina de turismo da localidade. O Concello decidiu adiantar este ano as datas de apertura.
Así, durante os días de Semana Santa -ata o domingo 20 de abril- o horario será de 8:00 a 15:00 horas. O luns 21 e o martes 22 a oficina permanecerá pechada.
Desde o mércores 23 de abril e ata o 31 de maio, abrirá todas as semanas de mércores a domingo en horario de 9:00 a 13:00 horas.
Xa a partir do 1 de xuño e ata o 30 de setembro, a caseta abrirá todos os días en horario de mañá de 9:00 a 13:00 horas e os xoves, venres, sábados, domingos e luns tamén en horario de tarde, de 16:30 a 19:00 horas.
As técnicas da oficina informarán ás persoas que se achegan dos atrativos turísticos do concello e dos puntos de interese, tanto en hostelería e restauración como para establecementos locais para cubrir calquera outra necesidade.
A oficina de turismo de Soutomaior logrou este ano, por vez primeira, o selo de calidade turística SICTED que concede a Secretaría de Estado de Turismo.
É un distintivo de calidade que, segundo o goberno municipal, referenda o camiño feito polo Concello nestes dous anos, levando en 2023 a oficina para o barrio da Feira e adheríndose en 2024 á rede da oficinas info RíasBaixas.
A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, sinalou que este recoñecemento "pon de manifesto que estamos a facer as cousas ben e que prestamos un servizo de calidade a todas as persoas que se achegan ao noso concello".
Ademais, este distintivo permite ao municipio optar a máis subvencións, "o que a súa vez nos permitirá converter Soutomaior nun destino aínda máis atrativo".
Durante o ano 2024, a oficina de turismo de Soutomaior atendeu máis de 16.000 persoas.