Oito detidos por un alixo de 400 quilos de cocaína que entrou a Pontevedra por Portugal

O Salnés
20 de xaneiro 2019

A operación capitaneárona axentes do Greco Galicia coordinados por un Xulgado de Vilagarcía de Arousa e coa colaboración da policía colombiana. Todo é resultado de preto dun ano de investigación que culminou esta fin de semana coa localización da droga nunha localidade do sur da provincia

Operativo antidroga dos GRECO da Policía Nacional na avenida de Bos Aires Mónica Patxot

Polo menos oito persoas foron detidas nas últimas horas no marco dunha operación antidroga desenvolta polo Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) da Policía Nacional con sede en Pontevedra. No operativo logrouse a incautación de 400 quilos de cocaína. 

Fontes da investigación confirmaron que a droga foi localizada nunha localidade do sur da provincia de Pontevedra e que entrara en Galicia a través da fronteira con Portugal. Procedía, segundo as primeiras investigacións, da localidade portuguesa do Porto, aínda que a súa orixe inicial era un país suramericano, posiblemente Colombia. 

A operación capitaneárona axentes do Greco Galicia coordinados por un Xulgado de Vilagarcía de Arousa e coa colaboración da policía colombiana

Todo é resultado de preto dun ano de investigación que culminou esta fin de semana coa localización do alixo de cocaína e a detención de oito persoas en distintas localidades das provincias de Pontevedra e Ourense. 

Os axentes realizaron varios rexistros domiciliarios e detencións e aínda non deron por pechada a operación, que continúa aberta. 

Os detidos permanecen en distintas comisarias da Policía Nacional e aínda se descoñece cando serán postos a disposición do Xulgado de Vilagarcía que instrúe a causa.