Oito municipios da área de Pontevedra reciben axudas para acondicionar parques forestais

Ponte Caldelas
04 de xuño 2019

Unha nova convocatoria de axudas para acondicionar parques forestais na provincia, que impulsa a Deputación de Pontevedra, permitirá a oito municipios da área de influencia de Pontevedra acometer actuacións nesta materia

O alcalde Andrés Díaz visita os terreos do primeiro parque forestal de Ponte Caldelas
O alcalde Andrés Díaz visita os terreos do primeiro parque forestal de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Unha nova convocatoria de axudas para acondicionar parques forestais na provincia, que impulsa a Deputación de Pontevedra, permitirá a oito municipios da área de influencia de Pontevedra acometer actuacións nesta materia.

Así, Caldas de Reis recibirá 3.913 euros para redactar o proxecto do novo parque forestal que se habilitará en Santa María.

O resto das subvencións permitirá facer obras en parques xa existentes ou planificados con anterioridade.

Barro terá 34.228 euros para o parque de Monte dos Casás, A Lama recibe 42.670 euros o parque forestal das Ermidas, Poio consegue 35.935 euros para o parque de Combarro-Samieira e Ponte Caldelas outros 42.670 euros para o parque homónimo.

Ademais, recibirán axudas Bueu para obras no parque de Cabo Udra (31.800 euros), Marín para o parque de Lagocheiras (21.915 euros) e Vilaboa para o parque de Cotorredondo (38.178,67 euros).

As axudas da terceira convocatoria de parques forestais pretendían subvencionar os proxectos destinados a preservar, mellorar e destacar valores naturais e culturais dos montes, as formacións arbóreas, a preservación de especies con valor ecolóxico ou a preservación do patrimonio, entre eles xacementos arqueolóxicos, monumentos, lugares, conxuntos, tradicións ou técnicas artesanais.

Ademais, busca a adopción de medidas fronte a incendios, a diversificación dos usos produtivos dos montes ou a creación de zonas de uso e aproveitamento para a cidadanía coma sendas peonís, miradoiros, parques, rutas ou aulas de interpretación.