A Asociación Ollares de Portonovo realizará unha gran exposición ao aire libre con máis de 2.000 fotografías do municipio.
A mostra contará con dous escenarios, o parque do Espiñeiro, os días 5 e 6 de xuño, e a Praza de Pascual Veiga, o día 12.
Este colectivo leva anos recompilando imaxes antigas da historia de Sanxenxo, moitas delas doadas por veciños, conformando un auténtico arquivo histórico, que agora poderá ver a luz coa exposición Ollares na Rúa.
Nos paneis poderán verse fotos familiares, de paisaxe, de traballadores do mar, de equipos de fútbol locais, de piragüismo, do exército… Ademais, cada ano a Asociación Ollares recolle fotografías durante a mostra que escanean, no momento, para poder devolvelas ao propietario e engádenas á seguinte exposición.
Ademais, por segundo ano consecutivo, o día 12 de xuño homenaxearase a un fotógrafo histórico do municipio que segundo destacan desde o colectivo son "en gran parte os artífices de que hoxe podamos gozar destas imaxes".
Nesta ocasión, a insignia de ouro en forma de cámara entregarase a título póstumo a Olimpio Piñeiro. O alcalde, Telmo Martín, fará entrega do recoñecemento aos seus familiares.
A cita de Ollares na Rúa crece ano tras ano con máis visitas e tamén en duración cunha programación máis ampla que inclúe sorteos, agasallos, música e animación de Studio 21, photocall temático e moitas sorpresas.
Non faltará a festa Holi que o ano pasado foi un éxito e este ano promete volver selo. Será o martes 6 de xuño, a partir das 19:30 horas no Espiñeiro.
Servirá como colofón á mostra en Portonovo e consiste en lanzarse pos de cores que están feitos con millo sen glute polo que son inocuos para a saúde.
Outras asociacións tanto de Portonovo como de Sanxenxo contarán tamén cun espazo na zona da exposición para dar a coñecer o seu traballo. O obxectivo é seguir crecendo e continuar levando Ollares na Rúa a outras parroquias.