Onda de calor: as temperaturas alcanzarán os 37 graos nas Rías Baixas no inicio desta segunda semana de agosto

Pontevedra
07 de agosto 2023

Este luns virá marcado pola influencia das altas presións coa chegada dunha masa de aire cálido desde o sur. O vento soprará frouxo de dirección variable con brisas nas Rías Baixas. Nesta xornada agárdase que os termómetros cheguen aos 34 graos, segundo Meteogalicia

Imaxe da situación meteorolóxica neste luns 7 de agosto de 2023

A onda de calor chega a Galicia cun inicio de semana marcado pola influencia das altas presións, centradas ao norte da península. Unha masa de aire cálido procedente do sur provocará que as temperaturas se movan este luns 7 de agosto entre os 17 graos de mínima e os 34 de máxima nas Rías Baixas. En zonas do interior do sur de Galicia superarán os 35 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable na provincia, con réxime de brisas nas Rías Baixas, segundo o servizo de Meteogalicia.

Durante o martes 8 continuarán as altas presións afectando a Galicia. As baixas presións centradas ao oeste de Portugal intensificarán a entrada de aire cálido na provincia de Pontevedra. Espérase un día de ceos pouco nubrados ou despexados. As temperaturas continuarán en ascenso lográndose valores máximos elevados para esta época do ano ao estar previstas mínimas de 18 graos e máximas de 37 na zona das Rías Baixas. O vento soprará do nordés frouxo con intervalos moderados en terra e con intervalos fortes no litoral noroeste. A temperatura da auga do mar oscilará entre os 15 e os 17 graos nas praias do litoral pontevedrés.

Xa o mércores vai pasarse a unha situación intermedia en Galicia con influencia de altas presións do norte e baixas presións que se aproximan polo oeste, xerando un fluxo de vento do sur. Nesta xornada espéranse ceos nubrados na fachada atlántica.  As temperaturas experimentarán un notable descenso nas áreas do oeste da comunidade, sen cambios ou con lixeiros descensos no resto. Desta forma, as Rías Baixas rexistrarán mínimas de 19 graos e máximas de 27 graos, dez menos que na xornada do martes. O vento soprará de compoñente sur con intervalos moderados en terra e con intervalos fortes no litoral da Coruña.

Durante o xoves continuarán aproximándose as borrascas atlánticas. Aumentará a probabilidade de choivas ao oeste e ao norte de Galicia. De cara á fin de semana agárdase a entrada, de novo, das altas presións. As temperaturas volverán ser normais para a época con mínimas de 16 e máximas de 26 graos.