Así será todo o operativo para o concerto de Jennifer López e o festival Big Sound

Pontevedra
30 de xuño 2025
Actualizado: 16:05

O Concello de Pontevedra e a produtora Play Plan presentaron todo o operativo que prolongará o peche dun tramo da avenida de Bos Aires

Jordi Lauren explica os detalles do operativo

O Concello de Pontevedra informou este luns do plan de mobilidade que se pon en marcha con motivo do concerto de Jennifer López, o martes 8 de xullo, e do festival Big Sound, o venres 11 e o sábado 12 de xullo. Ambos se celebrarán nos terreos da antiga fábrica de Tafisa, a beiras do río Lérez.

O produtor musical Jordi Lauren, da empresa organizadora de ambos os eventos Play Plan, desculpouse explicando que, por contrato, non pode dar ningunha información do que fará Jennifer López durante a súa estancia en Pontevedra.

Por esta mesma razón, tampouco puido revelar o dato do aforamento nin do concerto nin do festival, nin da venda entradas, limitándose a sinalar que "os dous van moi ben".

Este martes, 1 de xullo, empeza a montaxe para estes grandes eventos.

TRÁFICO

O operativo é moi similar ao implementado durante o Multisport de tríatlon polo que se prolonga até o 16 de xullo o peche do tramo na avenida de Bos Aires entre a ponte dos Tirantes e a pasarela peonil para todos os vehículos, e será restrinxido o paso desde A ponte das Palabras, en Monte Porreiro, para residentes e servizos.

Tamén estarán pechadas ao tráfico as vías perpendiculares a este tramo da Avenida de Bos Aires. Para garaxes de residentes e servizos poderase acceder por Ernestina Otero.

Doutra banda, o aparcadoiro inferior do Recinto Feiral situado nesta rúa, tamén estará pechado do 7 a 13 de xullo. O superior, o da chaira, estará dispoñible.

JENNIFER LÓPEZ

En rolda de prensa, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde e Jordi Lauren, explicaron que a apertura de portas para en concerto artista portorriqueña será ás 20.00 horas do martes 8 de xullo.

O escenario para Jennifer López estará situado no fondo da parcela de Tafisa, na parte máis afastada dos edificios recentemente construídos por Metrovacesa. Haberá dous accesos, as zonas A e B entrarán desde a ponte dos Tirantes e o público VIP e o da zona fronte ao escenario entrarán desde a pasarela peonil.

Haberá sinalización de gran formato para informar aos asistentes.

Está previsto que o espectáculo da cantante-modelo-actriz dure unha hora e media.

BIG SOUND FESTIVAL

O Big Sound contará con dous escenarios, situados un enfronte do outro. Na zona verde superior situaranse os mostradores con bebidas e as food trucks de comidas.

Unha das novidades do Big Sound, con respecto ao concerto de Jennifer López, será o corte dun carril da ponte dos Tirantes entre o 11 e o 12 de xullo, así como de Alexandre Bóveda, xa que a recollida de pulseiras realizarase no Recinto Feiral.

Todas as persoas con entrada para o festival deberán acreditarse no Recinto Feiral.

A apertura de portas será ás 16.00 horas e cada xornada rematará ás 2.30 horas.

O proceso de pulseración levará a cabo no Recinto Feiral que se abrirá para este fin o xoves 10, de 16.00 a 21.00 horas. O venres, de 12.00 a 0.00 horas e o sábado, de 15.00 a 0.00 horas.

TRENS E AUTOBUSES

PlayPlan chegou a un acordo con Renfe para contar cun servizo de trens que inclúe descontos para os asistentes ao festival, e así facilitar o desprazamento en transporte público até a Boa Vila. Tamén se está xestionando un servizo de autobuses con dúas rutas: unha desde Vigo, e outra desde Ferrol, pasando pola Coruña e Santiago de Compostela.

Ademais, na zona do pavillón de deportes habilitarase un espazo para que os coches que acheguen xente ao festival poidan parar para deixar os pasaxeiros e continuar co desprazamento.

A edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, recomenda non achegarse co coche durante os eventos a estas zonas, co fin de evitar retencións e molestias innecesarias.

No Big Sound Festival actuarán, o día 11 de xullo, Nicky Jam, Ovy on the Drums, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y el Dandee, Depol, Luck Ra, Marc Seguí, Sabela e Tanxugueiras; e o sábado 12 de xullo subirán aos escenarios: Rels B, Omar Montes, Amaia, Julieta, La Zowy, Leire Martínez, Lode, María Escarmiento, Ptazeta, Soulmacklein e Juanjo García Dj.