Axentes da Garda Civil lograron esclarecer tres delitos de roubo con forza na comarca de Caldas de Reis.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a operación policial iniciouse a comezos do pasado ano, que culminou coa detención dun veciño de Portas e a recuperación de diverso material industrial subtraído.
A investigación foi desenvolvida polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Caldas de Reis, que centrou os seus esforzos na localización dun home de 30 anos cun amplo historial delituoso.
Segundo estas fontes oficiais, ao sospeitoso constábanlle numerosos antecedentes relacionados con delitos contra o patrimonio, contra as persoas e contra a seguridade viaria, ademais de varias requisitorias xudiciais en vigor, entre elas unha orde de ingreso inmediato en prisión.
O operativo deu un paso decisivo no mes de xullo, cando, tras obter a correspondente autorización xudicial, os axentes levaron a cabo un rexistro na vivenda do investigado. Na actuación participou tamén a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) da Garda Civil de Pontevedra.
Durante a entrada no inmoble, os efectivos procederon á detención do sospeitoso.
No rexistro domiciliario, os axentes localizaron diversos obxectos de procedencia sospeitosa cuxa titularidade o detido non puido acreditar. Entre o material intervido figuraban unha máquina de soldar de uso profesional, unha hidrolimpadora da marca Karcher e equipamento técnico de alta tensión destinado a traballos eléctricos especializados. O valor total dos efectos recuperados supera os 5.000 euros.
As investigacións posteriores permitiron determinar a orixe ilícita dos obxectos. En concreto, o material de alta tensión fora subtraído recentemente dunha empresa vinculada a unha subestación eléctrica, mentres que o resto dos efectos correspondían a outros dous roubos con forza denunciados na zona.
Unha vez realizadas as comprobacións oportunas, incluída a verificación de números de serie e marcas identificativas, a Garda Civil procedeu á devolución de todos os obxectos aos seus lexítimos propietarios.
Ao detido atribúenselle agora tres novos delitos de roubo con forza, que se suman ás causas que xa tiña pendentes ante a xustiza.
As dilixencias instruídas foron remitidas aos xulgados correspondentes dos partidos xudiciais de Caldas de Reis e Cambados.