OPROMAR construirá unha planta de procesado de descartes no Porto de Marín

Pontevedra
01 de decembro 2023

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra celebrado este xoves aprobou unha concesión administrativa por un prazo de 20 anos á Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín (OPROMAR) con destino á construción e explotación dunha planta para a produción de músculo picado de especies obtidas a partir de descartes pesqueiros

Porto de Marín
Porto de Marín / Autoridade Portuaría de Marín e Ría de Pontevedra

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra celebrado este xoves aprobou unha concesión administrativa por un prazo de 20 anos á Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín (OPROMAR) con destino á construción e explotación dunha planta para a produción de músculo picado de especies obtidas a partir de descartes pesqueiros.

A Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín aglutina a un total de 35 empresas pesqueiras co obxectivo de fomentar novos proxectos orientados a mellorar as actividades do sector e promover a sustentabilidade pesqueira. 

Neste sentido, e coa entrada en vigor do Regulamento Europeo que obriga a desembarcar as capturas non desexadas que cheguen a porto, faise necesario buscar novas vías de aproveitamento e valorización destes descartes pesqueiros. 

Con esta finalidade, Opromar estivo participando en diferentes proxectos e iniciativas de I+D+i co obxectivo de obter novos produtos procesados empregando como materia prima descartes de lirio, xurelo, cabala ou faneca. 

Pretenden que sexa unha planta multiespecie que permita a valorización destes e outros descartes que poidan resultar de interese tanto para os armadores de Marín como para a industria do sector transformador.

A planta onde se proxecta producir e procesar o chamado MINCE ou músculo picado de peixe instalarase nunha parcela de 2.186 metros cadrados na contorna da lonxa e outras instalacións pesqueiras permitindo así a entrada da materia prima de forma inmediata tras a súa descarga, evitando tempos de espera ou manipulacións intermedias que puidesen afectar á calidade do produto final.