Organizan visitas guiadas a petróglifos pola noite

Cerdedo Cotobade
04 de outubro 2023

Estarán coordinadas por Árbore Arqueoloxía e terán lugar o venres 6 e o sábado 7 de outubro en Matabois e Fentáns, respectivamente

Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade presentaron as visitas nocturnas guiadas aos petroglifos Concello de Campo Lameiro

Os alcaldes de Campo Lameiro, Carlos Costa, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentaron este mércores unha iniciativa conxunta consistente na realización de visitas nocturnas guiadas aos petroglifos de Mabois e Fentáns os días 6 e 7 de outubro coas que se pretende tamén conmemorar o Día Europeo da Arte Rupestre.

As visitas guiadas nocturnas estarán coordinadas pola empresa especializada Árbore Arqueoloxía que será a encargada de preparar aos grupos e organizados para que poidan disfrutar ao máximo do paseo e das explicacións sobre a arte rupestre representada nestes petróglifos.

A primeira das saída será o venres 6 de outubro, ás 21 horas, desde Matabois (Campo Lameiro) mentras que a segunda terá lugar ao día seguinte, o sábado 7 de outubro, tamén ás nove da noite, desde Fentáns (Cerdedo-Cotobade).

Campo Lameiro repetirá a experiencia o luns 9 de outubro, ás 21 horas en Matabois, coincidindo tamén coa data propia da conmemoración do Día Europeo da Arte Rupestre.

Os participantes deberán levar roupa de abrigo, calzado pechado e cómoda e unha lanterna para facilitar mellor a visibilización dos conxuntos rupestres que se van visitar.

Para participar pódese solicitar máis información na empresa Árbore Arqueoloxía ou nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.