Este venres 3 de abril dará comezo a celebración da XXXVIII Festa da Ostra no peirao de Arcade, no Concello de Soutomaior.
Esta edición, que coincide coa festividade de Semana Santa, polo que se agarda unha masiva presenza de público, adianta a apertura das casetas de degustación ao mediodía da xornada do venres e mantén un protocolo centrado na accesibilidade e na xestión de residuos.
O programa municipal "Soutomaior Inclusivo" cumpre o seu terceiro ano de aplicación nesta cita gastronómica.
Entre as medidas adoptadas para esta fin de semana figura a creación dun punto de apoio para familias con menores con diversidade funcional, situado xunto ao dispositivo de seguridade, onde se facilitarán cascos antirruído para a zona de recreo.
As atraccións de feira contarán con horarios específicos sen ruído para facilitar o acceso de persoas con sensibilidade acústica.
Estas franxas horarias serán de 18:00 a 19:00 horas o venres; o sábado de 12:00 a 13:00 e de 18:00 a 19:00 horas; o domingo de 13:00 a 14:00 e de 18:00 a 19:00 horas; e o luns, durante o día do neno, de 17:00 a 18:00 horas.
As persoas con discapacidade ou que porten a pulseira do programa inclusivo terán prioridade de entrada nestas instalacións.
Na carpa principal instalouse unha plataforma elevada para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, a lectura do pregón contará cun intérprete de lingua de signos e habilitouse unha zona de aparcadoiro específica xunto á rotonda da Ostreira.
En materia de prevención, o recinto disporá dun Punto Lila de atención contra a violencia de xénero con horarios de mañá e noite durante as tres xornadas.

PROGRAMACIÓN
O cartel de concertos e verbenas distribúese do seguinte xeito:
-
Venres 3 de abril: Tras o concerto matinal de Chispas do Lérez ás 12:30 horas, a verbena nocturna correrá a cargo das orquestras Olympus e Finisterre.
-
Sábado 4 de abril: Pola noite actuarán as formacións Los Satélites e La Misión. O Concello comunicou que este ano non se realizará a tirada de fogos de artificio tras recibir un informe desfavorable de Costas ao atoparse o peirao nunha zona da Rede Natura.
-
Domingo 5 de abril: A xornada comezará co pasarrúas das bandas Artística e Cultural de Arcade. Ás 13:00 horas terá lugar o pregón, realizado por María Codesido García. A música continuará con Fernando Sánchez Jazz Quartet ao mediodía e o grupo Louoband ás 18:00 horas.
A Festa da Ostra incorpórase por segundo ano consecutivo ao Plan de Sostibilidade das Festas de Galicia Suroeste.
O recinto conta con sinalización para a separación de residuos e illas de reciclaxe específicas para papel, plástico e materia orgánica no interior da carpa central. O persoal encargado da organización recibiu formación previa sobre o tratamento dos desperdicios xerados durante a degustación do produto.
A oficina de información turística permanecerá aberta de venres a domingo entre as 11:00 e as 18:00 horas para atender as consultas dos visitantes sobre o patrimonio local e o produto típico da zona.