O peirao de Arcade, coa enseada de San Simón como pano de fondo, foi este xoves o escenario escollido para presentar a XXXVIII edición da Festa da Ostra.
No acto participaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez; membros da corporación municipal, ademais de viticultores e hostaleiros do concello.
A cita gastronómica, unha das máis emblemáticas de Galicia e declarada de interese turístico, volverá converter Arcade nun punto de encontro para amantes da boa mesa e do produto do mar.
Durante a presentación, o alcalde destacou o carácter especial desta celebración, que definiu como unha festa "feita con agarimo" e pensada para poñer en valor a ostra, o produto máis representativo da parroquia.
Segundo explicou, o Concello leva meses preparando unha edición que aspira a ser a mellor ata o momento.
O obxectivo é reforzar o protagonismo da ostra e acompañala dun dos seus mellores aliados: o albariño de Soutomaior, unha combinación que, en palabras do rexedor, crea "unha maridaxe perfecta entre o sabor do mar e o viño da terra".

A presentación serviu tamén para anunciar que a pregoeira deste ano será María Codesido García, veciña de Soutomaior.
O Concello quere recoñecer así a traxectoria dunha persoa que, segundo destacou Lourenzo, representa valores como a constancia, o esforzo e a perseveranza. A súa historia, sinalou, é un exemplo de superación e de compromiso para toda a veciñanza.
Pola súa parte, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, subliñou o valor desta festa como homenaxe ao sector do mar e ao seu traballo. Tamén puxo en valor iniciativas como o proxecto "Ostreares", impulsado pola confraría de Arcade, orientado á posta en valor deste recurso mariño.

A programación arrancará o 29 de marzo coa carreira popular 7K Soutomaior e coa Carreira Infantil da Ostra, ambas con inscrición gratuíta. Uns días despois, na madrugada do 2 de abril, o programa "Pensando en ti" da Radio Galega realizará unha emisión especial desde o multiúsos de Arcade, aberta ao público.
Con todo, os momentos máis esperados chegarán os días centrais da festa, entre o 4 e o 6 de abril.
Durante esas xornadas abrirán as casetas de degustación no peirao, onde as persoas asistentes poderán probar as ostras a prezos populares: 10 euros a ducia, mentres que os albariños de Soutomaior se servirán a 12 euros a botella.
Ademais da degustación tradicional, a programación gastronómica incluirá tamén a proposta culinaria "Os trés", que ofrecerá unha reinterpretación da ostra en tres elaboracións diferentes: un crujiente de gamba con tartar de ostra, unha ostra en escabeche tradicional e unha ostra marinada en teriyaki sobre crema de aguacate con caviar de arenque.

A música será outro dos ingredientes principais da celebración.
O venres 4 de abril actuarán Chispas do Lérez ao mediodía e, xa pola noite, as orquestras Olympus e Finisterre. O sábado continuarán as actividades coa apertura das casetas, o pasarrúas de Imperiais e os concertos nocturnos das orquestras Los Satélites e La Misión.
Nesta xornada estaba prevista unha tirada de fogos artificiais, que finalmente non se celebrará debido a un informe desfavorable de Costas por tratarse dunha zona incluída na Rede Natura.
O domingo 6 de abril, día grande da festa, comezará coa música das bandas Artística e Cultural de Arcade polas rúas da vila. Ás 11.00 horas abriranse as casetas e ás 13.00 terá lugar a lectura do pregón a cargo de María Codesido García.
Durante a mañá, a carpa do peirao acollerá a actuación de Fernando Sánchez Jazz Quartet, mentres que pola tarde o ambiente festivo continuará coa actuación de Louoband.

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade

Presentación da Festa da Ostra de Arcade
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.