O novo orzamento municipal de Soutomaior para 2026 ascenderá a 6,2 millóns de euros e estará aprobado antes de que remate o ano.
Así o deron a coñecer este luns o alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Facenda, Diego Moreira.
As contas irán ao pleno extraordinario da Corporación previsto para este venres 21 de novembro.
Este orzamento inicial supón un incremento inicial de 1,5 millóns de euros desde a chegada do BNG ao goberno local.
Durante a presentación, anunciaron que as contas recollen un plan de investimentos que supera o medio millón de euros, entre a partida de investimentos reais e outras achegas.
As contas prevén un incremento en todas as partidas. Por exemplo, na partida de actuación de protección e promoción social o orzamento chega a preto do millón de euros.
Manu Lourenzo sinalou que a "boa situación económica" do concello é froito dunha "xestión responsable, seria e rigorosa" cun modo de xestionar a economía do concello que ten como principal obxectivo defender o interese xeral da veciñanza así como a responsabilidade no gasto e "o control de fiscalización de ata o último euro que entra no concello".
Diego Moreira lembrou que en Soutomaior "viñamos de tempos no que os orzamentos se presentaban incumprindo a lei con retrasos" e isto supoñía que o orzamento non estivese aprobado ata abril ou maio.
Co novo goberno local, presumen de que Soutomaior cumpre os prazos "de maneira escrupulosa" e xestiona o diñeiro "co rigor que a veciñanza merece".
Lourenzo destaca que, grazas a iso, o municipio pode ter unha axenda referencia na contorna e uns servizos que presta atención á veciñanza con moito máis persoal e investimentos que "eran impensables hai apenas dous anos". Así, indica que a día de hoxe hai máis de 4 millóns de euros en investimentos e obras na rúa.