Os afectados polas expropiacións do Gran Montecelo tachan de "roubo" a valoración das súas propiedades

Pontevedra
02 de agosto 2019

Estes afectados expresaron o seu desacordo co prezo fixado pola Consellería de Sanidade nas notificacións de expropiación das súas vivendas e negocios que valoran como "moi baixo" xa que "non nos permite adquirir ou construír unha vivenda similar á nosa nunha zona o máis próxima a Montecelo, obrigándonos a cambiar de localización", sosteñen nun comunicado

Hospital Montecelo Mónica Patxot

Os afectados polas expropiacións das vivendas e negocios polo Hospital Gran Montecelo expresaron o seu desacordo co prezo fixado pola Consellería de Sanidade nas notificacións de expropiación das súas vivendas e negocios que valoran como "moi baixo" e considérano un "roubo" xa que "non nos permite adquirir ou construír unha vivenda similar á nosa nunha zona o máis próxima a Montecelo, obrigándonos a cambiar de localización", sosteñen nun comunicado.

O pasado mes de xuño estes propietarios recibiron as notificacións cunhas valoracións que, ao seu xuízo, non se axustan ao prezo de mercado, "xa que compararon as nosas vivendas con outras que estaban sen finalizar ou que necesitaban dunha gran reforma ou rehabilitación para entrar a vivir, e non están situadas na nosa zona e non contan coas vistas e os servizos da Zona de Montecelo".

En canto aos negocios afectados aseguran que a Consellería de Sanidade na valoración que realiza "só establece unha contía moi baixa pola perda de clientes", sen valorar os gastos derivados do traslado dos negocios (acondicionamento de locais, tempo de paralización de actividade,...) "nin un cálculo acorde á perda de clientes real, xa que os negocios non poderán continuar na mesma zona, o que nos aboca ao peche e á perda do noso modo de vida", afirman.

Ademais afirman sentirse "menosprezados" e esperan recibir un "trato similar" ao recibido polas vivendas afectadas pola construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.