Un grupo de trinta alcaldes da provincia do Partido Popular acompañados de deputados do mesmo partido presentaron un escrito na Deputación provincial durante o mediodía deste venres 20 coa intención de que a presidenta da institución, Carmela Silva, manteña unha xuntanza cos máximos representantes de todos os municipios para ofrecer datos da cantidade económica que se vai a destinar aos concellos durante 2016.
Os deputados Nidia Arévalo e Ángel Moldes indicaron que hai concellos da provincia que dispoñen dun informe da intervención no que se certifica que van recibir unha media dun 33% menos do diñeiro que lles ofrecía o anterior goberno de Rafael Louzán.
Os alcaldes queren coñecer que criterios de repartición vanse a aplicar e que se explique a cantidade concreta que recibirán para poder elaborar os seus orzamentos.
Nidia Arévalo acusou a Carmela Silva de actuar con escurantismo e falta de transparencia de maneira que menospreza aos concellos da provincia e engadiu que os gobernos locais non están conformes con este plan de repartición e alegan que non se contou con eles para a súa elaboración.
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, mostrouse máis duro indicando que a presidenta da Deputación é unha persoa que non cre nos concellos nin na provincia e que só traballa para Vigo. Neste sentido, manifestou que Carmela Silva trata aos diferentes concellos como ao peor barrio de Vigo.
Nidia Arévalo lamentou tamén que o equipo de goberno aínda non facilitase o borrador dos orzamentos ao Partido Popular, aínda que xa se trasladaron aos medios de comunicación.