Os alumnos da Escola de Hostelería Carlos Oroza saen ao monte na procura de cogomelos

Pontevedra
13 de novembro 2014

A actividade inclúese dentro da Semana da Cociña de Outono na que terá presenza a micoloxía, a caza e a pesca, dende este venres 14 ata o vindeiro 21 de novembro

Alumnos do Carlos Oroza atendendo o restaurante aberto ao público no centro
Alumnos do Carlos Oroza atendendo o restaurante aberto ao público no centro / Mónica Patxot

O CIFP Carlos Oroza vai a organizar durante a Semana de Cociña de Outono un programa de micoloxía, caza e pesca que se inicia este venres 14 cunha saída ao monte de Campañó cos alumnos para a recollida de exemplares de cogomelos. O obxectivo desta proposta é que os estudantes de hostalaría poidan experimentar sobre o terreo as instrucións facilitadas polo profesorado sobre como hai que recollelos, como hai que saír equipado e como se deben manipular no momento da clasificación que se realizará posteriormente nos talleres do instituto dos exemplares recollidos para a súa exposición na aula taller cafetaría Suso Domínguez do centro situado na cidade infantil Príncipe Felipe.

O luns 17 de novembro retomarase a actividade da programación cunha xornada de montaxe e exposición no corredor de entrada ao centro coa degustación dun aperitivo a base de cogomelos silvestres, todos eles adquiridos a un provedor autorizado e estará dirixido a medios de comunicación e comunidade educativa.

A partir desa xornada e ata o venres 21 de novembro desenvolveranse menús temáticos a base de cogomelos silvestres. Para poder asistir a estas comidas, os interesados terán que realizar as súas reservas no teléfono 986 84 70 02.

O venres 21 de novembro a aula Cociña 2 acolle unha charla de introdución á micoloxía a cargo do presidente da Asociación Micolóxica Brincabois, Jaime Blanco, unha charla de introdución á castaña de Galicia a cargo de Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia e a semana concluirá cun taller denominado 'A cociña dos cogomelos' a cargo de Miguel Sivarredonda, experto no tratamento culinario dos cogomelos..

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora