O CIFP Carlos Oroza, desde hai tres anos, dispón dun horto escolar que naceu grazas ao traballo desinteresado de varios profesores como unha pequena reforma dun patio esquecido e que se destinou ao cultivo de herbas aromáticas. Hoxe ocupa unha extensión de máis de 200 metros cadrados e alí cultívanse hortalizas, herbas aromáticas, froitos e flores comestibles que os alumnos utilizan para as súas elaboracións de cociña.
Todos os cultivos teñen como destino o restaurante pedagóxico, de maneira que se pecha un círculo produtivo que se ve reforzado coa elaboración do seu propio compost cuxo destino é a horta escolar.
A partir do próximo día 13 de febreiro o alumnado deste centro enfrontarase a un novo reto: un proxecto de crowdfunding para obter o financiamento que permita realizar determinados investimentos de mellora do horto educativo. Este proxecto foi seleccionado pola Fundación Triodos para formar parte da iniciativa "hortos educativos ecolóxicos" e con el preténdese que o alumnado coñeza e poña en práctica real o funcionamento do crowdfunding como alternativa de financiamento dun proxecto de emprendemento.
O crowdfunding é un sistema de financiamento colectivo que permite a calquera creador de proxectos reunir unha suma de diñeiro entre moitas persoas para apoiar unha determinada iniciativa. A cambio, cada cofinanciador recibirá unha recompensa non monetaria en función da cantidade achegada. Se se consegue o financiamento desexado, os fondos recadados neste proxecto destinaranse á instalación dun sistema de rega por goteo, puntos de iluminación, ferramentas e roupa de traballo, e un invernadoiro climatizado.
Este horto non é só unha forma de abastecer a despensa do CIFP Carlos Oroza, senón tamén unha forma de aprender. Con esta iniciativa trátase de inculcar no alumnado un sentimento de responsabilidade e valorización do produto. Está a comprobarse que os alumnos que entran en contacto coa horta aprecian e aproveitan moito máis os seus produtos, permitíndolles ademais investigar e descubrir o momento idóneo en que cada un debe ser colleitado, e dándolles a oportunidade de que se lles poida ensinar a cultivar e tratar as nosas materias primas dunha forma ecolóxica e sustentable.
Unicamente dispóñense de 40 días para conseguir o financiamento, así que a axuda de todos é fundamental.