VÍDEO.- O compost é un ingrediente máis na cociña do Carlos Oroza

Pontevedra
28 de decembro 2017

Luis e David, alumnos do CIFP Carlos Oroza, explícannos nun vídeo como compostan no centro de hostalería e o segredo para producir vexetais de calidade suprema.

Como se fai a compostaxe no Centro de Hostalería Carlos Oroza? / Mónica Patxot

Cociñar con compost podería ser unha ocorrencia tola dun chef moi mediático. E poida que a ninguén sorprendese. De momento, o compost ten outros usos "culinarios" dos que dan boa conta o alumnado e os profesores do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza  

Como se explica que o Centro de Hostalería Carlos Oroza leve o compost ás súas cociñas?

A resposta está nun proceso circular que comeza e remata nos propios fogóns. Para coñecelo, contamos coa axuda dos alumnos do 2º curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, Luis Carballeda e David Blanco, que nos contan no vídeo os segredos do exitoso aproveitamento de todos os restos orgánicos que producen.

Nesta tarefa contan coa axuda da mestra composteira Sofía Rúa, que é a encargada da xestión dos composteiros tanto do CIFP Carlos Oroza como da Cidade Infantil Príncipe Felipe, todos eles dependentes da Deputación de Pontevedra a través do seu Plan Revitaliza. Son centros que xeran unha importante cantidade de biorresiduos. Tanto é así que, en breve, o Carlos Oroza contará cunha ampliación da súa unidade de compostaxe.

Vaia un dato, o día que máis residuos se recolleron no composteiro deste centro de hostalería, acadouse a media tonelada. É unha cifra illada pero que da boa conta da dimensión do volume de lixo que pode xerar un centro profesional.

O éxito da iniciativa é froito dun traballo en equipo. O obxectivo é pechar o ciclo para que os residuos que se xeran nas cociñas volvan integramente ás plantacións que ten o centro. Entre elas, destaca un invernadoiro que tamén visitamos no vídeo da man do profesor Ricardo Fernández. Nel prodúcense especies que logo se incorporarán nas receitas que os alumnos preparan día a día, nas súas prácticas internas e nas xornadas en que a Aula-Restaurante está aberta ao público. Sen dúbida, o mellor test para constatar que a iniciativa é un acerto.

Segundo nos contaba Ricardo Fernández, a importancia deste xeito de aprender é fundamental para os alumnos para que despois trasladen este bo facer á súa vida profesional. Un xeito responsable no que se pon en valor o traballo respectuoso coa contorna.