Os arquitectos ven "eivas" no PXOM de Pontevedra pero optan por facer un "lifting" ao actual

Pontevedra
16 de xuño 2020

O recorrente debate político sobre un novo PXOM para Pontevedra volveu á primeira plana da actualidade. Foi despois de que o PP, por mor das súas alegacións á ordenanza de mobilidade, reclamase ao goberno municipal que retome a redacción deste plan urbanístico

Edificio en construción na zona de Tafisa Mónica Patxot

O recorrente debate político sobre un novo PXOM para Pontevedra volveu á primeira plana da actualidade. Foi despois de que o PP, por mor das súas alegacións á ordenanza de mobilidade, reclamase ao goberno municipal que retome a redacción deste plan urbanístico.

A este respecto, o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, ironizou con que para os populares "a culpa de todo é por non ter PXOM" e engadiu que "non vou a comentar este tema".

Pero quen si falou, á beira do propio Moreda, foi o presidente da delegación do Colexio de Arquitectos de Pontevedra, Anselmo Villanueva. Fíxoo para recoñecer as "eivas" que, ao seu xuízo, ten o plan vixente en Pontevedra desde 1989.

Iso si, a diferenza dos que reclaman un novo PXOM, Villanueva sinalou que "aventurarse" a deseñar un novo plan pode xerar "máis inseguridade xurídica", polo que apostou por mantelo "ata que non haxa máis garantías".

O presidente dos arquitectos pontevedreses indicou que, se non se aproba un novo PXOM, Pontevedra si necesita "facer un lifting" ao actual para modificar "moitos aspectos" que, segundo explicou, "nos complican" no exercicio da súa profesión.

Ademais, engadiu que Pontevedra é un "exemplo" de tratamento urbano e de accesibilidade e, para algunhas destas cuestións, os arquitectos ven necesaria unha "modificación puntual" ou ferramentas que se adapten aos novos requirimentos normativos.