Os artistas locais serán os grandes protagonistas das festas de San Xoán do Concello de Poio. Os departamentos de Festexos e Cultura, dirixidos por Xose Luís Martínez e Raquel Rodríguez, deseñan estes días un programa pensado para o público de todas as idades e para gozar en familia.
Despois da suspensión dos eventos principais e característicos da celebración como a sardiñada, as verbenas ou a gran fogueira, o goberno local céntrase na organización de pasacalles, actuacións e concertos musicais a cargo de intérpretes e agrupacións do propio municipio.
Nos próximos días daranse a coñecer os horarios e emprazamentos dos actos lúdicos que se organizarán respectando en todo momento os aforos e as medidas de seguridade que ordenan as autoridades sanitarias.
Doutra banda, Martínez traballa tamén nunha serie de iniciativas pensadas para dinamizar a actividade comercial local durante as festas patronais. Pola súa banda, Rodríguez comunica que si se manterá unha das citas habituais da programación como é o concurso de carteis de San Xoán, no cada caño participan decenas de nenos e nenas do municipio, aínda que esta vez farase a través das redes sociais.
Con respecto á tramitación de permisos para a realización de fogueiras privadas ou públicas, Martínez explica que as peticións non se tramitarán ata que as autoridades pertinentes non se pronuncien sobre se se poden realizar ou non.
Ademais das festas patronais, o Concello de Poio contempla tamén desenvolver unha ampla programación de actos lúdicos e culturais ao longo do verán e repartidos polas cinco parroquias do municipio.