Os 'bos agoiros' da fin da campaña de Feijóo coas campás de San Francisco de fondo

Pontevedra
10 de xullo 2020

O repicar das campás complementouse este venres co discurso de peche de campaña do líder do PP en Pontevedra. Mentres sacaba peito dos logros do seu Goberno para Pontevedra, empezaron a soar e el colleu a luva que lle lanzaron: "Unha lexislatura de xúbilo, por iso tocan as campás neste momento" 

Comparecencia e paseo electoral de Feijóo no último día de campaña Mónica Patxot

Ás 12 repicaron as campás da igrexa de San Francisco. Nada extraordinario no funcionamento do templo, un día máis, pero non todos os días son iguais e este venres o seu son tivo unha interpretación ben distinta da habitual. A tan só uns metros, nas escaleiras do antigo edificio de Facenda, Alberto Núñez Feijóo protagonizaba un dos sete actos que tiña programados para a última xornada da campaña electoral e escoitar como repicaban deulle ánimos. 

"Poder falar tocando as campañas son bos augurios", sinalou, sen ocultar o sorriso. Con ese son de fondo, coroou a súa mensaxe de chamar ao voto masivo do electorado á súa formación para seguir polo bo camiño que lle deu a Galicia nos seus últimos 11 anos de goberno. 

Nin feita a propósito tería logrado o candidato do PP tan boa coincidencia, pois as campás empezaron a repicar nun momento no que empezaba a glosar as súas achegas destes anos a Pontevedra, nunha lexislatura que foi tamén na que "máis se investiu" no municipio, cun investimento que "xa se nota, xa se ve, xa se pode disfrutar" en actuacións como a estación intermodal, o edificio da Xunta en Benito Corbal ou a licitación do Gran Montecelo. E todo mentres soaban de fondo. "Unha lexislatura de xúbilo, por iso tocan as campás neste momento", engadiu el. 

Foi o colofón a un discurso no que falou en ton vitorioso en relación cos logros do seu goberno, pero no que non esqueceu as alusións constantes que leva facendo toda a campaña á situación de alerta sanitaria. Estas eleccións, insistiu, chegan nun momento "decisivo" porque é necesario acreditar moitas cousas, sobre todo, seguridade para os próximos anos e experiencia e xestión porque "estamos nun momento onde conflúen todas as malas noticias". 

Feijóo ten posto o uniforme de campaña e non o quitou nin para o seu paseo posterior pola rúa Benito Corbal e a praza de Barcelos, onde as restricións da pandemia e a barreira das máscaras reduciu o número de persoas que se lle achegou -na anterior normalidade, era difícil que dera dez pasos sen parar a saudar-, pero si aproveito para relaxarse coas súas persoas máis achegadas en Pontevedra nun lugar inusual para un presidente da Xunta, o bar Canón de Pau de Barcelos

Lugar de parada habitual do vicepresidente da Xunta e tamén candidato Alfonso Rueda, este venres recibiu a visita de Feijóo; o presidente local do partido, Rafa Domínguez; e outros pesos pesados do PP a nivel local, a ex ministra Ana Pastor, a ex presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, ou os tamén candidatos Lupe Murillo, Xosé Manuel Cores Tourís e Guille Juncal. Algúns pediron unha Estrella e os outros auga ou Coca-Cola e todos gozaron da empanada e do momento de ‘break’ de Feijóo. Xa coas forzas repostas, retomou a maratoniana xornada. 

Desde o idílico paraxe dos xardíns de Casto Sampedro, coa Ferrería a un lado, San Francisco ao outro e o edificio de Facenda á fronte, xa deixara as mensaxes claras que elixira para o día, que non eran outras que alertar das "demoledoras" novas que a pandemia trae para as expectativas dos traballadores e de Galicia en xeral desde o punto de vista de competitividade e da seguridade e presentarse como a solución a ese futuro incerto post Covid-19. 

Chegou Feijoó a Pontevedra nesta última parada antes de que o domingo 12 toque ir a votar para pedir o voto e para insistir en que tan só o que se deposite na urna coa papeleta do PP será bo "para Galicia, para a seguridade de Galicia e para a vitoria dos galegos". Temeroso de que o medo ao coronavirus aparte aos votantes dos colexios electorais fixo un chamamento a todas as persoas que a esa mesma hora, o mediodía, enchían as terrazas, comercios e rúas de Pontevedra para que "presten 15 minutos a Galicia e vaian votar".