Unha tradición habitual nas festas de Nadal en Galicia era ir cantar polas casas. Nestes tempos o costume mudou e agora cántase nas rúas e prazas, grazas ao empeño da asociación cultural Os Chichisos que teima en manter coma un "tesouro" este "patrimonio cultural".
As persoas que se animen a participar nos "Cantos de Reis" estarán acompañados de diversos instrumentos como acordeón, gaita, frautas, guitarra, tamboril, bombo, e tamén por un grupo de nenos.
Para que a cousa soe ben teñen programados uns días de ensaio, o 26, 27 e 28 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, sempre ás 20:00 horas e na Casa do Pobo de Bértola, no concello de Vilaboa.
Os "Cantos de Reis" desenvolveranse o día 4 de xaneiro de 17:30 a 20 horas polas prazas e rúas de Pontevedra.
As persoas que desexen participar desta tradición poden poñerse en contacto cos Chichisos chamando ao teléfono 676 842 942.