Os clubs exercerán de bedeis nos campos de fútbol municipais

Pontevedra
26 de xaneiro 2018

O concelleiro Demetrio Gómez explicou que están a marcarse as liñas de colaboración para a xestión dos campos de Monte Porreiro e Cerponzóns, que establecerán as liñas a seguir para as outras instalacións deportivas

Recreación do novo campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns
Recreación do novo campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns / Concello de Pontevedra

O goberno local espera que as instalacións deportivas municipais poidan autoxestionarse polos clubs e, nesta liña, traballan coa SD Monte Porreiro e co Cerponzóns CF para establecer as bases para o uso das novas instalacións deportivas situadas nestes puntos do municipio.

O concelleiro Demetrio Gómez  expiicaba que os clubs realizarán funcións de bedel, isto é, encargaranse de conservar, limpar e manter as instalacións, abrir e pechalas, comprobar que leva a cabo un uso correcto e garantir que o resto de entidades deportivas poden utilizala. Estes clubs encargaranse dos pequenos investimentos de mantemento como o recambio de lámpadas e serán os que terán preferencia en fixar horarios. No caso de Monte Porreiro, esa prioridade repartirase tamén entre Mareantes, Porteiro 2000 e Pontevedra.

Pola súa banda, o Concello encargarase de fixar os horarios, de forma que as horas libres queden tamén a disposición doutros clubs, inspeccionará o estado das instalacións, realizará os grandes investimentos para o mantemento e reservarase horas do horario preferente para organizar o uso do espazo deportivo.

Demetrio Gómez indicou que aínda queda por definir a duración destas concesións, que se situaría ao redor de 30 anos prorrogables seis máis e a dispoñibilidade das instalacións para grandes eventos deportivos.

O goberno local quere trasladar este modelo aos campos de fútbol municipais de Santa María de Xeve, Campañó e Ponte Sampaio.