Un punto de recarga de vehículos eléctricos, situado no aparcamento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, sirve para que a partir de agora este tipo de coche poidan ser cargados no campus universitario de Pontevedra.
Este poste nútrese da planta de produción e distribución de enerxía a partires de biomasa e pode ser usado de balde pola comunidade universitaria, que debe cumprimentar un formulario de rexistro para dar de alta a súa tarxeta para o uso deste equipamento.
"A partir de aí hai que pasala polo lector antes de comezar a cargar", explican os impulsores.
A habilitación deste punto, que permite a recarga de dous vehículos de xeito simultáneo e que se completa estas semanas cos traballos de pintado e sinalización das prazas, forma parte das medidas incluídas no plan de acción do programa Green Campus para o pasado curso.
Tamén no marco deste plan, nos últimos meses procedeuse á instalación de lámpadas LED en 38 farois situados a carón das diferentes facultades e escolas, unha acción que busca tamén promover un uso eficiente da enerxía e dos recursos.
Ademais dun menor consumo, estes focos permiten tamén unha maior iluminación dos espazos exteriores do campus no que tamén se instalou un parque de calistenia ou un poste de reparación de bicicletas.