Os coches volven invadir de xeito simbólico a Praza de España

Pontevedra
18 de setembro 2020

Así, durante os vindeiros días, os vinilos con forma de coches que 'invaden' simbolicamente a praza amosarán mensaxes como "91% menos de vehículos no centro", "cada praza recupera a súa orixe" ou "1,3 millóns de metros cadrados de peonalizacións"

Intervención efémera na Praza de España pola Semana Europea da Mobilidade Mónica Patxot

Reflectir de xeito visual o espazo que, antes de ser recuperado para os cidadáns, ocupaban os coches na Praza de España. Ese foi o obxectivo da intervención efémera que, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, organizou este venres o Concello de Pontevedra.

Así, durante os vindeiros días, os vinilos con forma de coches que 'invaden' simbolicamente a praza amosarán mensaxes como "91% menos de vehículos no centro", "cada praza recupera a súa orixe" ou "1,3 millóns de metros cadrados de peonalizacións". 

A pé de instalación, a concelleira Carme da Silva explicou que nun momento marcado pola pandemia da COVID-19, "púxose de manifesto a necesidade de repensar e reconfigurar os espazos públicos", o que atraeu novas miradas cara o modelo urbano de Pontevedra.

Esta campaña, engadiu Da Silva, é unha forma de participar na Semana Europea de Mobilidade para reivindicar os cambios acadados en Pontevedra e amosar "como se pode gozar paseando, andando e facendo a vida diaria polos espazos públicos e como se gaña en calidade de vida".

A responsable municipal tamén explicou que a intervención efémera que está instalada na Praza de España estaba deseñada inicialmente con máis elementos para propiciar a interacción dos cidadáns.

Con todo, algúns dos aspectos foron suprimidos atendendo ás medidas de prevención da COVID-19 vixentes neste momento en Pontevedra.