Os comerciantes de Pontevedra, a través da mirada dos máis pequenos

Pontevedra
17 de outubro 2020

Fotografías realizadas por nenos e nenas de Pontevedra formarán parte dunha exposición que busca visibilizar o labor dos comerciantes da cidade. É a fin última do programa "Atende o teu", impulsada pola concellería de Promoción económica a través do programa PonteLovers

Ruta polos comercios de Pontevedra do programa "Atende o teu" Concello de Pontevedra

Fotografías realizadas por nenos e nenas de Pontevedra formarán parte dunha exposición que busca visibilizar o labor dos comerciantes da cidade. É a fin última do programa "Atende o teu", impulsada pola concellería de Promoción económica a través do programa PonteLovers.

A primeira ruta desta iniciativa, organizada por Taller Abierto, celebrouse este sábado. Partiu da Biotienda Xano, na Travesía da Eiriña, e posteriormente pasou por Tendencias Floristería, Alba Música, Ferretería Pontevedra, Luna Nueva Libros, Tobico e Mage.

O programa pretende poñer en valor a actividade do comercio local de proximidade a través da ollada e a creatividade dos rapaces, que se están a amosar entusiasmados coas historias que lles contan os propietarios dos establecementos.

Os nenos entran nas tendas en grupos de catro, sempre con máscara, seguindo os circuítos de frechas #PonteLovers marcados polos comercios e poñendo xel hidroalcólico á entrada.

Xa dentro recollen coas súas cámaras os detalles máis interesantes de cada tenda.