Os comuneiros de San Martiño de Vilaboa lembran á Xunta que debe coidar o Lago de Castiñeiras

Vilaboa
30 de maio 2018

Esta comunidade está a facer labores de limpeza, poda e conservación con medios propios deste espazo natural no tramo pertencente a Vilaboa. O colectivo vai crear un asador con catro grellas de cara a que estea operativo nos vindeiros meses 

Valado deteriorado no Lago de Castiñeiras
Valado deteriorado no Lago de Castiñeiras / Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa

A comunidade de montes de San Martiño de Vilaboa está a traballar durante os últimos días en labores de limpeza, poda e conservación dos terreos do Lago de Castiñeiras, que pertencen á zona do municipio de Vilaboa. Estes traballos desenvólvense con fondos propios deste colectivo, que lle lembra á Xunta de Galicia que é a administración competente no coidado deste espazo natural.

Os terreos foron cedidos á administración autonómica en 2001 por un período de 30 anos, pero desde San Martiño alertan de que a Xunta incumpre o asinado e fai caso omiso ás peticións para que se acometan os traballos de mantemento.

Denuncian que continúa sen arranxar o peche perimetral, un elemento fundamental para a conservación da paisaxe debida a que ultimamente moitos visitantes intérnanse cos seus vehículos polas pistas interiores afectando os elementos naturais.

ASADOR

Desde esta comunidade de montes acométense os traballos para montar un asador de catro grellas, coa idea de que poida ser utilizado durante este verán. Xa se creou a base e espérase que estea dispoñible no mes de xuño. A obra conta coa autorización da Consellería de Medio Ambiente, segundo os responsables de San Martiño. 

O custo da obra ascende a máis de 14.000 euros e é asumido pola comunidade de montes de Vilaboa, que ten previsto construír outro asador máis no futuro, para o que esperan a axuda da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial.